Saturday 18 de May de 2024

Bugallo sinala que Orbital permitirá “consolidar o polígono do Tambre como a principal área empresarial de Galicia”


–Xosé Sánchez Bugallo, candidato socialista ao Senado na provincia da Coruña, e Diego Taibo, candidato ao Congreso, reuníronse coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre

O PSdeG-PSOE provincial da Coruña mantivo unha reunión coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre en Santiago de Compostela. Asistiron a esta Xosé Sánchez Bugallo, candidato ao Senado, e Diego Taibo, candidato ao Congreso.
Bugallo destacou na reunión “o labor que desenvolveu o Goberno en relación ao tecido empresarial de Galicia”, e en particular o feito de que “210.000 traballadores galegos que se acolleron aos ERTES, o que lles permitiu non só manter o seu nivel de vida nese tempo, senón tamén preservar a estabilidade no traballo”.
O tamén exalcalde de Santiago quixo destacar así mesmo que, en Galicia, “72.000 empresas acolléronse aos créditos ICO”, “18.500 ao bono dixital”, e “42.000 a diferentes axudas durante todo este período”, representando “unha parte moi substancial do tecido empresarial de Galicia”.
Falando xa concretamente sobre o relativo ao Polígono Industrial do Tambre, Bugallo sinalou que “as obras do Orbital xa están en marcha, e se é posible estarán rematadas o mes de outubro”. Este novo Orbital, “xunto co Orbitaliño, permitirá consolidar esta área empresarial como a principal de Galicia e a mellor conectada de Galicia”, afirmou.
O seguinte obxectivo a conseguir sería a Estación de Mercadorías, paraa a que “están reservados 72.000 m2 do polígono da Sionlla, é unha aspiración fundamental para esta próxima lexislatura”, indicou Bugallo.